POLÍGONO DA AGRA DE SAN AMARO

CRONOLOXÍA

1993: Sendo concelleiro de urbanismo S. Fernández Moreda, fírmase un convenio con diversos  propietarios da Agra de S. Amaro sobre a  cesión de terreos para o futuro paseo marítimo, ofrecéndolles a recalificación no PXOM dos terreos restantes coma urbanos e con edificabilidade do 1,5m/m2, nos que os promotores proxectan construír cinco torres residenciais de oito prantas de altura. A que supostamente recibe un trato distinto é a familia do exedil Carlos González-Garcés, que non cedendo ningún metro cadrado para o Paseo Marítimo, conseguen que as súas propiedades sexan incluídas entre as dos nove agraciados polo cambio urbanístico.

1997: Apróbase o Plan Especial de Protección da Torre, que destina as parcelas do Agra de S. Amaro a parques públicos e prohíbe edificar.

1998: Apróbase o PXOM, recalificando os terreos para levantar a prohibición para construir, aínda que baixa a edificabilidade do 1,5 pactado inicialmente pola Concellaría de Urbanismo ó 0,8, non por falta de vontade, senón porque unha edificabilidade do 1,5 non cabía dentro do sector de S. Amaro. Os propietarios fan unha primeira reclamación.

2002: O Concello acorda, no pleno do 15 de abril, unha compensación pola diminución da edificabilidade. O 11 de Novembro apróbase o estudo de detalle da Agra de S. Amaro, firmado polo arquitecto César Otero Grille. Dito estudo de detalle incumplía o articulado do Plan Xeral do 98, que establecia a vixencia do Plan Especial de Protección da Torre, que destinaba a parques públicos as parcelas da Agra de S. Amaro e prohibía edificar. Por si isto fora pouco, contraviña  a Ley de Patrimonio Cultural de Galicia, ó ser aprobado sen contar co  informe de Patrimonio.

2003: O entonces alcalde, Fco. Vázquez, pide valoración económica de dita compensación. Esta ascende segundo o estudo a 11.292.513, 11 de euros, por un dos polígonos de S. Amaro. A promotora COVIGA reclama xudicialmente.

2005: Sentencia do TSXG favorable a COVIGA. Hoxe en execución. Patrimonio advirte ó Goberno Local que contravén as normas do Plan Especial de Ordenación e Protección da península da Torre.

2008: Apróbase o Proxecto de Compensación do 1º polígono do Agra. Acórdase eximir ós propietarios da cesión ó Concello do 10% da edificabilidade que lles correspondía, e que estimaron en 3.382.263,63 € (909,92 €/metro edificable).

2009: Declaración da Torre de Hércules como Patrimonio da Humanidade. Dende  a UNESCO, prohíbese edificar neste entorno, tal e como xa establece o Plan Especial aprobado polo Concello no ano 1997, e incluído no PXOM do ano 1998. Desoíndo estas advertencias se inclúe esta urbanización na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2009, aínda en trámite.

2010: Patrimonio lembra, no seu informe sobre o plan, as súas propias advertencias e as recomendacións da UNESCO para reforzar a prohibición de construír na Torre. A AA.VV. de Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules presenta alegacións ó PXOM do 2009, documento que ten rexistro de entrada no Concello con data do 17/02/ 2010. Nel refléxanse a preocupación polos problemas urbanísticos do barrio, motivados polo fracaso do Plan Xeral do 98, do que sobrevive o Polígono da Agra de S. Amaro (API-Q15), con edificacións en altura non adaptadas ás novas ordenanzas plantexadas no PXOM 2009, e cunha edificabilidade que o fai prácticamente inexecutable ademáis de estar redactado en base a uns convenios que terían que ser renegociados para a súa adaptación á LOUGA.

O Grupo Municipal do BNG, condiciona a aprobación definitiva do pxom do 2009 á recuperar ou reverter os solos que polo seu valor estratéxico deben de ser preservados da acción urbanizadora, con especial atención á contorna da Torre de Hércules. O Goberno de coalición acóllese ao informe de Patrimonio para paralizar unha macrourbanización que xera rexeitamento social.

2011: Na xuntanza na Concellaría de Urbanismo o 21 de Febreiro, sobre as alegacións ó PXOM 2009, anúnciase á directiva da asociación de veciños que tendo en conta o informe de Patrimonio, o artigo 104.2 da LOUGA, o Agra de S. Amaro catalógase coma espazo libre privado. O posicionamento do colectivo veciñal é o de catalogar o espazo como libre público, tal e como estaba recollido no Plan Especial de Protección da Torre de Hércules, entendendo que esta catalogación é a única que fai viable a posta en valor da contorna da Torre de Hércules ao tempo que dar cumprimento ás recomendacións da UNESCO.

Actualmente, Negreira negocia cos promotores para evitar a vía xudicial e acordar as compensacións, aínda que non garantiza que non haberá edificacións no entorno do vello faro, só asegura que non se construirán “mamotretos” coma os ideados polo goberno de Paco Vázquez. Ao tempo, premia a César Otero Grille, redactor do estudo de detalle de S. Amaro no ano 2002, (que plantexaba a construcción de cinco torres residenciais de oito prantas de altura, incumplindo o PXOM de 1998 e o Plan Especial de Protección da Torre, ademáis de contravir a Ley de Patrimonio Cultural de Galicia), co nomeamento de Director da Área Municipal de Urbanismo.

Para o colectivo veciñal resulta preocupante un novo punto de partida no que se recoñece que non se garante que a  Agra de S. Amaro quede libre de edificacións, ou calquera declaración que no intre do proceso do que estamos comece dicindo “las técnicas urbanísticas dan mucho juego…”.

Tanto Concello coma Xunta se pasan a pelota de asumir o pago das indemnizacións, que os promotores estiman en 60 millóns e o Concello en 42 millóns, (incluíndo os terreos que se cederon para o Paseo), dos que pagaría o Concello 11,2 millóns das compensacións.

A dúbida é quen paga os 31 millóns restantes (37.000 m2 por 909,92€/m2), a Xunta non está disposta a pagalos porque entende que, se o Concello é quen ten a competencia de conceder ou denegar licencias, é quen debe indemnizar. Tamén lembra que este proceso foi nulo dende o principio xa que incumplía tanto a Ley do Patrimonio Cultural de Galicia, coma o propio PXOM, no tocante ó Plan Especial de Protección da Torre (1997).

O anterior goberno municipal socialista sostén que é a Xunta quen ten que compensar ós promotores, algo ó que se opón tanto a Xunta coma o actual equipo de Negreira. Mentras, o BNG, oposto a éste proxecto dende o principio, insiste en que se pode anular sen compensar ós promotores para evitar así unha responsabilidade económica millonaria, aínda que recoñece que os antigos propietarios expropiados do Paseo Marítimo, si poderían ter dereito a unha indemnización, ó non cumplirse o convenio acordado.

Protexer e por en valor a  contorna da Torre de Hércules, Patrimonio da Humanidade, xerando un espazo público é o único xeito de preservar a Agra S. Amaro para que esté por riba de calquera actuación presente, pasada ou futura.