CAMPO DE MARTE E COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ: MATERIAS PENDENTES

A Coruña, 26 Xaneiro 2012

 

COMUNICADO DE PRENSA

 

CAMPO DE MARTE E COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ: MATERIAS PENDENTES

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, a través do seguinte comunicado, quere denunciar o estado de esquecemento no que se atopa o Campo de Marte e o Colexio Curros Enríquez, situado no mesmo.

Consideramos imprescindíbel unha mellora integral dun dos parques máis emblemáticos do noso barrio. Un parque que carece, a día de hoxe, duns servizos públicos que cumpran unhas normas básicas de hixiene e limpeza, cando son moitas as persoas que fan uso dos mesmos. Un parque que carece dunha boa iluminación impedindo ás nais e pais poder vixiar aos cativos e cativas que xogan no mesmo e un parque que demanda unha reparación urxente dos xogos infantís e unha ampliación dos mesmos.

Do mesmo xeito denunciamos o estado de abandono no que se atopa o Colexio Curros Enríquez, na zona exterior da Avenida de Hércules, que xa está a provocar desprendementos en parte da súa fachada, como aconteceu hai unhas semanas, co conseguinte perigo para a veciñanza que transita dita rúa así como para as cativas e cativos que fan uso do centro.

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules esixe ao Goberno Municipal unha resposta ante a demanda dunha veciñanza que, a día de hoxe, non foi escoitada a pesares de ter pedido, a través das instancias oportunas, unha reunión co seu Concelleiro de Barrio Juan de Dios Ruano. Xa notamos que se pasea polo barrio antes das eleccións e logo esquece todo.

ASOCIACIÓN DE VECIÑAS E VECIÑOS

ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

Foto do desprendemento.

Foto do Servizo Público.

2 reflexións sobre “CAMPO DE MARTE E COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ: MATERIAS PENDENTES

  1. Grazas por facernos chegar vosas queixas. Mirarémolo e veremos que podemos facer. Un saúdo forte!!

Os comentarios están pechados.