O irmanamento Monte Alto – Monte Pindo: emotivo acontecemento social na nosa cidade.

Artigo publicado na páxina Monte Pindo Parque Natural

A proposta de Xurxo Souto, instáurase a Romaría do carballo do Monte Pindo o terceiro sábado de cada marzo.

Esta fin de semana o Monte Pindo viviu un acto de irmandade co coruñés barrio de Monte Alto, un acto cheo de simbolismo que se volveu do máis emotivo. E é que a choiva, que levaba meses sen facer acto de presenza, quixo ser a protagonista desde primeira hora da mañá, regando a terra que acobillaría máis tarde ao carballo que a partir do 17 de marzo camiñará cara ao ceo -en palabras de Xurxo Souto- no Campo de Marte.

Nena e Neno do Grupo Scout Nyeri Sementando o Futuro do Monte Pindo

Porén, os elementos confabuláronse para que a choiva cesara xusto no intre de comezar o acto e dera paso ao sol, de xeito que sería difícil programalo tan ben se ambos elementos puidesen preverse. Ademais das organizacións convocantes moitos colectivos veciñais da cidade quixeron estar presentes no acto, asi como ADEGA, Grupo Scout Nyeri, A MESA, Comités, BNG, Palavea Bravú, Galiza Nova, Monte da Estrela de Arteixo, Sporting Coruñés… e un longo etcétera de entidades sensibilizadas que contribuiron con cadansúa presa de terra a que o quercus prendera no chan de Monte Alto que agora o une por sempre ao carnotán Monte Pindo, que deixou de estar lonxe.

As emocionadas verbas de Xurxo Souto, que exerceu de mestre de cerimonias, serviron para lembrar que o medio natural é cousa de todos, pois é a mesma terra a que nos une sexamos de onde sexamos, e por iso ao son da música tradicional de Palavea Bravú pediulle aos moitísimos rapaces e rapazas -segundo ían depositando terra na raíz do carballo- que cada día que pasaran polo parque coidaran a árbore para que esta tamén os vexa medrar a eles.

Xurxo Souto o noso Diplomático Falando No Acto

Alberte Fernández e Xilberto Caamaño, presidentes das asociacións Monte Alto e Monte Pindo respectivamente, saudaronse entre si e pediron que a atención ao medio natural non sexa cousa dun día senón un compromiso permanente, que animaron a concretar coa asistencia masiva á Manifestación do 14 abril a favor do Parque Natural do Monte Pindo, cita para a que sairá un autobús expresamente desde a cidade herculina.

Placa Situada No Campo de Marte

O acto continuou cunha palestra a cargo do secretario de Monte Pindo, Mario Maceiras, que foi debullando longo e tendido todas as características que fan ao Olimpo Celta merecedor da súa declaración como Parque Natural, tras o que se proxectou o documental “Sendeiros Ocultos: Ruta á Moa” para facer aos veciños coruñeses partícipes dunha viaxe polo Pedregal.

Momento da Palestra No Local da Asociación Veciñal

Tantas boas sensacións subscitou o evento, e tanta calor humana, que Xurxo Souto propuxo que a “Romaría do carballo do Monte Pindo” se convirta nunha cita anual, idea que foi saudada con entusiasmo polos colectivos asistentes. Por tanto hoxe podemos anunciar que a cita vai recuncar cada ano o terceiro sábado de marzo no propio Campo de Marte da Coruña, para que este irmanamento siga vivo por moito tempo e tamén os anceios dun medio natural máis vivo, coidado, protexido e desenvolto para o gozo de todas e todos.

Alberte Fernández, Presidente da Asociación Veciñal, no momento de botar terra.

Panorámica do Acto