Monte Alto: Legado Cultural

Benvido ao Barrio de Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules. A zona que vostede vai visitar é unha das máis poboadas da cidade da Coruña e unha das que ten un maior número de lugares de interese histórico-cultural.

Monte Alto érguese na Península da Torre de Hércules e considérase o distrito dous da Coruña. A maior parte da súa poboación provén do rural e doutras vilas mariñeiras máis pequenas aínda que agora, debido ao envellecemento da poboación residente e as novas construccións, moita xente xoven comeza a ocupar os novos pisos. Tamén cabe salientar o feito de que a xente xoven que ven a estudar á cidade atopa no noso barrio pisos cun aluguer baixo e un ambiente moi agradable (costumes, tendas, festa, colectivos…)

Os monumentos e lugares de interese cultural que podemos atopar no Barrio de Monte Alto son moitos e variados.

CAMPO DA LEÑA (Praza de España)

O Campo da Leña, que durante o franquismo pasou a chamarse Praza de España (nome que aínda conserva), é o punto neurálxico do noso barrio. Antigamente aquí as mulleres vendían a leña que recollían.

Estatua Juan Díaz Porlier

A estatua que hai no Campo da Leña é a do xoven mariscal Juan Díaz Porlier.

Biografía

Juan Díaz Porlier (Cartaxena de Indias, 1788 – A Coruña, 1815), militar.

O 19 de setembro de 1815 pronúnciase na cidade da Coruña o xoven mariscal de campo Don Juan Díaz Porlier. No comezo da Guerra da Independencia foi coñecido polo alcume do “Marquesito” por terse feito pasar, para reunir voluntarios, por sobriño de Don Pedro Caro Sureda, terceiro marqués de La Romana e heroe do regreso a España da división española destinada en Dinamarca.

Con 27 anos, un despois da concesión do título de mariscal pola súa actuación na Guerra da Independencia, disconforme coa vulneración da Constitución gaditana e ao non gustarlle o réxime saído do Manifiesto de los Persas, inicia conversacións con outros liberais. Traizoado polo seu propio secretario, foi detido en Madrid e condeado a 4 anos a cumprir no Castelo de San Antón, na Coruña, de onde sae en prisión atenuada para tomar baños medicinais no veciño pobo de Arteixo, polo que pasa a residir na casa de don Andrés Rojo del Cañizal, en Pastoriza, onde seguíu conspirando. Contacta asimesmo con Sinforano López quen o conecta co grupo liberal da Coruña, formado por burgueses e intelectuais, e cunha parte importante dos oficiais dos batallóns acantoados na Coruña. Cando as autoridades tiveron noticia destos contactos detiveron e executaron a Sinforiano López en abril de 1815.

Porlier decide convocar o pronunciamento en favor da constitución do 1812 na noite do 19 de setembro de 1815. Esa noite detense ao Capitán Xeneral e publícanse tres proclamas dirixidas ao exército, ao pobo e á oficialidade de Santiago. Despois, ao fronte dos batallóns sublevados diríxese a Santiago de Compostela con intención de que as autoridades e corpos militares alí acuartelados se unan ao pronunciamento, pero nun descanso no camiño, no Mesón de Deus, ou de Viqueira, como tamén se lle coñece, sito á entrada do pobo de Ordes, namentras escribe ao carón da lumbre, é traizoado por un grupo de sarxentos do 6º Rexemento de Marina.

Levado primeiro a Santiago de Compostela, pasa posteriormente á Real Audiencia e Capitanía da Coruña, onde o Capitán Xeneral Felipe de Saint Marq sométeo a un encausamento no que xa entraba condeado a morte. É conducido ata o patíbulo montado nun asno cunha levita verde e executado na forca que se elevou no Campo da Leña o 23 de outubrode 1815, para posteriormente queimar os seus escritos e proclamas.

CEMITERIO SANTO AMARO (Rúa Orillamar)

Construído en 1812 por Rodríguez y Romay. A Capela situada na entrada ao camposanto foi construída por Alejo Andrade Yáñez. É un dos máis importantes da Galiza. Nel están soterrados moitos persoeiros da nosa terra.

CEMITERIO BRITÁNICO (Rúa Orillamar)

Situado ao carón do Cemiterio de Santo Amaro. Nel soterráronse moitos dos ingleses que loitaron na famosa batalla de Elviña durante a Guerra da Independencia contra os franceses de Napoleón Bonaparte.

CEMITERIO MORO (Península da Torre)

Construído polo Réxime Franquista para soterrar aos soldados musulmáns durante a Guerra Civil. Está situado na Península da Torre, ao carón do Campo da Rata (lugar de fusilamento de moitos republicanos e nacionalistas) e moi preto do antigo Cárcere Provincial.

No ano 2006 o Concello da Coruña decidiu rehabilitalo e convertelo na Casa das Palabras onde se atopan escritas moitas palabras árabes que se incorporaron ao léxico galego e castelán ao longo do tempo.

CAMPO DA RATA (Península da Torre)

No Campo da Rata érguense uns menhires nos que hai una fotografía que ten escrito: as excursións que se celebraron neste mesmo lugar no verán do 1936. Ó carón deste texto hai unhas manchas de pintura vermella; fan referencia ás matanzas de republicanos, sindicalistas e nacionalistas durante a Guerra Civil Española do 1936. Era o paredón dos fusilamentos.

En abril de 2001, 65 anos despois, erixiuse este monumento, da autoría de Isaac Díaz Pardo, que lembra ás víctimas da guerra e da barbarie. Figuran dous poemas, un de Federico García Lorca e outro de Uxío Carré Alvarellos. Este monumento, que lembra os grandes megalitos prehistóricos, está situado entre o polígono de Durmideiras e Punta Herminia, xusto ao carón da familia de menhires de Manolo Paz.

Familia de Menhires (Península da Torre)

Esta obra tamén se denomina Familia de Menhires (Manolo Paz). É un grupo escultórico de doce pezas, que representan polos seus tamaños, os máis altos, o pai e a nai, e os demáis máis pequenos e variados, aos fillos. A obra está situada ben lonxe da Torre, preto da costa e do Cemiterio dos Moros . Os doce menhires teñen unha posición estratéxica. A cada un se lle realizou unha abertura pola cal se pode ver o mar, a Torre, o atardecer. O menhir é unha pedra sen pulir erixida verticalmente.

Caracola (Punta Herminia)

Caracola, erixida por Moncho Amigo (A Coruña, 1952). É a recreación fantástica da cuncha dun enorme molusco , un xigantesco corno da abundancia, gardián dos sons do mar. A obra realizada en aceiro , está situada moi preto do mar, en Punta Herminia, co fin de captar todas as vibracións do mar. Posue liberdade de movemento, polo que xira e se move co vento.

Hércules na nave dos Argonautas (Punta Herminia)

O desgraciadamente finado en plena madurez creativa, Gonzalo Viana ubicou a Hércules nun extremo da península da Torre, quedando recortada a escultura sobre o mar. Hércules, só axeonllado na nave. É un heroe mariñeiro que navega ata Brigantium para quedarse. Realizouse sobre catro bloques graníticos.

Copa do Sol (Península da Torre)

Pepe Galán realizou esta obra en aceiro cortén, alude á nave na que Hércules quixo cruzar os mares para cumprir a orde de Euriteo de levarlle os bois de Eritia. O autor que se iniciou no eido artístico coa pintura, escolleu o aceiro por garantir a contundencia nas formas e a continuidade no tempo.

Caronte (Península da Torre)

Figura de Ramón Conde caracterizada pola súa rotundidade formal, pola contundencia do seu volume, pola ausencia doe ocos. Escultura en bronce fundida “á area”. Caronte recibe aos visitantes nunha actitude protectora e de guía.

Breogán (Península da Torre)

Xosé Cid fixo un gran guerreiro para ser colocado na rotonda que da acceso á Torre. Unha mole maciza de pedra lixeiramente desbastada con formas anatómicas lixeiramente suxestionadas. A figura vai encastrada sobre unha gran base de formigón.

As Portas (Torre d Hércules)

Obras de Paco Leiro, o noso escultor máis internacional, son uns grandes baixo relevos en bronce que representan diversos momentos das lendas e da historia da Torre. Son as primeiras portas-esculturas de Galicia. Anos despois Leiro faría en madeira a porta santa da Catedral. Nun principio Leiro rexeitou o encargo por entender que o van non era o suficientemente grande para desenvolver o seu traballo.

Rosa Dos Ventos (Península da Torre)

Correa Corredoira fixo un espazo para ser habitado, un espazo público e útil cos 32 rumbos do horizonte.

Antigo Cárcere Provincial (Torre de Hércules)

Durante a dictadura franquista albergou a moitos dos republicanos, sindicalistas e nacionalistas galegos que serían fusilados no Campo da Rata moi preto da Torre de Hércules. Actualmente a Asociación de Veciños/as Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules loita para que fagan del un Centro Cultural para o barrio (locais de ensaio e para asociacións, centro de información xuvenil….), un centro de día….

Unha reflexión sobre “Monte Alto: Legado Cultural

  1. Muy lograda esta pàgina, enhorabunea. Me gustarìa que se le diera la importancia que merece a la arquitectura de Monte Alto de los años treinta y cuarenta, si es que todavìa quedan algunos edificios de esa época, porque siempre me llamò la atenciòn en mi niñez y adolescencia que las casas de planta baja, y las casas de bajo y dos pisos eran predominantes, y en sus fachadas habìa siempre algùn detalle que las distinguìa.

Os comentarios están pechados.