A AVV ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES REÚNESE CO CONCELLEIRO JUAN DE DIOS RUANO

Comunicado de Prensa

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules informa que, no día de onte, Mércores 1 de Febreiro, foi recibida no Pazo de María Pita polo Concelleiro de Barrio Juan de Dios Ruano.

En dita xuntanza, os representantes da nova directiva, presentáronlle un informe no que se recollen as deficiencias do barrio: transporte público, pavimentación, mobiliario urbano, iluminación e diferentes temas urbanísticos e sociais. O Concelleiro comunicou o seu coñecemento e que xa están a traballar sobre a súa base pero non concretou actuacións nin prazos debido a que están estudando os diferentes casos.

Así mesmo, tratáronse outros temas como o funcionamento das concelleiras e concelleiros de barrio e ambas partes acordaron unha futura reunión que, posibelmente, será na primavera.

XUNTA DIRECTIVA
A.V.V. ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

En Febreiro: Ciclo de Debates – Retomar o Público, Defender o Común.

En Febreiro, o Xoves 9, ás 20:00, Ciclo de Debates baixo o título “Retomar o Público, Defender o Común” na Biblioteca Pública do Campo de Marte (sede A.V.V. Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules). A temática será “Dereitos e Vivenda”.

Organizan: Rede Dereitos Sociais, Ergosfera e STOP Desfiuzamentos.

Máis información no cartaz:

Nace a Plataforma Pola Mobilidade

A Asociación de Veciñas e Veciños de Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules quere facer público o MANIFESTO POLA MOBILIDADE presentado onte, Xoves 15 de Decembro, na Asociación Cultural Alexandre Bóveda pola PLATAFORMA POLA MOBILIDADE.

O tráfico urbano é a principal causa de deterioración da calidade de vida das persoas que vivimos na Coruña, xa que máis do 50 % colle o vehículo privado para ir traballar. As solucións pasan,  entre outras, pola diminución das necesidades de transporte e polo emprego dos modos de transporte menos contaminantes, priorizando xerarquicamente os e as peóns, as bicicletas e o transporte público colectivo.

A eliminación do carril bus empeorará o problema actual do tráfico na cidade,pois mantense na liña das políticas de apoio ao coche privado que contribúen a que Galicia siga a ser a rexión de Europa na que máis porcentaxe de desprazamentos en vehículo privado se realizan.

O carril bus é un instrumento instaurado nas cidades co fin de optimizar o funcionamento do servizo de transporte público, a través dunha mellora nas frecuencias e velocidades das liñas e sendo ademais un recurso moi potente recoñecido pola Unión Europea para atraer á cidadanía cara ao seu uso. Na nosa cidade, as persoas usuarias de ata nove das liñas que utilizan dito carril recoñecen que se aforra ata 15 minutos por traxecto grazas a esta medida.

MANIFESTO POLA MOBILIDADE

  1. Os e as viandantes, a bicicleta e o transporte público teñen que ser prioritarios sobre o transporte particular, xa que o seu impacto no tráfico é moito menor e axudan a mellorar a calidade da mobilidade da cidade e a diminuír o consumo de petróleo e as emisións de gases contaminantes.
  2. Manifestamos a nosa oposición á retirada do carril bus, xa que entendemos que o plan alternativo empeorará o servizo do transporte público e disminuirán as frecuencias, e empeorará a circulación da cidade, debido aos seguintes puntos:
  • A alternativa do concello é unha invitación a usar o vehículo privado en detrimento do transporte público, o que vai aumentar os traxectos en coche dentro da cidade incidindo na conxestión crónica no tráfico rodado da cidade.
  • Provocará un problema de dobre fileira nos viais polos que discorría o carril bus, que precisará a instalación dun sistema de vídeo-vixilancia, que unido ao sistema de prioridade semafórica, suporá un elevado custo tanto de instalación (máis de 250 000 euros) como de mantemento.
  • As vantaxes do sistema de prioridade semafórica proposto polo concello dilúense coa retirada do carril bus, xa que os minutos gañados con este sistema veranse practicamente anulados cando un coche queira aparcar, haxa coches en dobre fileira ou se produza unha conxestión por outros motivos; isto verase agravado en vías cun só carril, como propoñen para San Andrés.
  • Dado o éxito acadado polo actual servizo, cunha importante mellora nas velocidades e frecuencias das liñas e un incremento no número de usuarios do bus dende a súa implantación, non semella razoable desmantelar este servizo antes de ter probado o novo, é dicir, a prudencia aconsellaría antes de eliminaren dun trazado un sistema que funciona, facer experiencias piloto do novo sistema proposto noutros trazados, con tempo abondo para tiraren conclusións válidas.
  1.  A necesidade de seguir ampliando e mellorando o transporte público e fomentar o seu uso en detrimento do coche particular, mediante a implantación de novos percorridos de bus nas zonas peor comunicadas e aumentando a frecuencia dos xa existentes, implantación do tren de cercanías e o tranvía, e a instalación de aparcadoiros disuasorios na entrada da cidade.
  2. Elaboración dun Plano de Mobilidade na área metropolitana que sexa independente dos cambios que se produzan nos gobernos municipais e que estableza as orientacións estratéxicas en materia de infraestruturas de transporte coa finalidade de facilitar a mobilidade das persoas e  que inclúa todo tipo de transporte como as bicicletas, buses, trens de cercanías, liñas maritimas e as suas interconexións.
  3. A mellora e ampliación dos viais peonís e o fomento do uso da bicicleta nos traxectos urbanos e interurbanos, isto é, a habilitación de carril bici máis aló dunha función recreativa.
  4. A importancia da creación dunha mesa cidadá onde estean presentes asociacións veciñais, ecoloxistas e de contido social, así como plataformas vinculadas ao transporte sostible, en aras de cumprir o compromiso de fomento da participación cidadá contraído polo concello coa sinatura da carta de Aalborg. A defensa do comercio local, co noso apoio a un sistema de abastecemento descentralizado que permita o acceso ás persoas de todos os barrios da cidade incidindo na redución do número de desprazamentos.
  5. Revisar o convenio coa Compañía de Tranvías para que quen marque as liñas e planifique o transporte na cidade sexa o Concello.
  6. Redución das tarifas de bus actuais e mellora nos sistemas de recarga para que sexan sinxelos de manexar e alleos ás entidades bancarias.

En definitiva, apostamos por unha cidade

sostible, cómoda, habitable, próxima, eco-activa, participativa, próspera e segura.

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto apoia á Plataforma Monte Pindo Parque Natural

Dende a Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules amosamos o noso apoio á Plataforma Monte Pindo Parque Natural. Pensamos que a defensa do noso patrimonio natural é primordial e por iso queremos contribuir axudando coa súa difusión na cidade da Coruña.

+ Información: http://www.montepindo.org/

MANIFESTO

  1. O Monte Pindo é un dos montes máis míticos e coñecidos da Costa da Morte e tamén de Galicia, polas súas raras calidades xeolóxicas, pola presenza de abondosas especies naturais protexidas e únicas, polos mitos e a historia que o rodean, e por ser un dos principais recursos de futuro non só do seu entorno inmediato senón de toda a zona.
  2. No Monte Pindo conxúgase unha privilexiada posición xeográfica, un cumio de 627 metros situado xusto a rentes do mar e encadrado pola praia de Carnota (a máis longa de Galicia) ao sur e pola Fervenza do Ézaro (a única de Europa que cae sobre o mar, desgrazadamente anulada por un encoro) ao norte.
  3. Na actualidade o Monte Pindo e o seu entorno natural está abandonado e abocado ao progresivo deterioro. As ameazas (incendios, vandalismo, campismo agresivo, incursións en vehículos motorizados…) medran cada día, polo que se fai apremiante actuar sen perder máis tempo.
  4. A declaración do Parque Natural artellaría mecanismos para, desde o consenso social de todos os sectores, estudar os seus problemas e atopar solucións.
  5. A declaración do Parque Natural xeraría por si mesmo un número de postos de traballo.
  6. A declaración do Parque Natural suporía a dotación dunha partida presupostaria específica, o que non se da con outras figuras de protección.
  7. A declaración do Parque Natural incrementaría a prioridade presupostaria de toda a área de influencia do futuro parque, incluso a nivel de investimentos non estrictamente ligados ao medio ambiente.
  8. A declaración do Parque Natural abriría múltiples posibilidades de revitalizar a produción non industrial (mar, agro, madeira, artesanía, etc…) de toda a zona, podendo incluso crearse un “selo de calidade” que suporía un valor engadido para os produtos de toda a área de influencia.
  9. A do Parque Natural é unha “marca” moi prestixiosa e xera por si mesmo unha afluencia de “turismo verde”, o que conlevará un forte impacto de visitantes “de calidade” que sen dúbida incidirá no sectores turístico, hostaleiro e comercial de toda a zona
  10. Todo o anterior, unido á proximidade do Cabo Fisterra, de Monte Louro… pode impulsar dun xeito definitivo o bo nome da Costa da Morte como referencia dun turismo de calidade nacional ou mesmo internacional.

 

 

Cárcere da Torre: Asemblea no Paraninfo o Sábado 18 ás 11:30

Dende a Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules anunciamos que iste Sábado 18 de Decembro ás 11:30 haberá unha asemblea no Paraninfo da Universidade (No edificio do Reitorado, na Maestranza) para falar do Cárcere da Torre como centro socio-cultural.

Dubidas, consultas ou suxerencias: proxetocarcere@gmail.com

O Antigo Cárcere Provincial Como Centro Socio-Cultural

A Asociación de Veciñas e Veciños de Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules felicita a toda-las entidades e persoas que asistiron o pasado fin de semana ao “”Encontro sobre novos modelos participativos de xestión cultural” promovido pola Concellaría de Cultura no Salón de Actos do Instituto Anxel Casal.

Como se acordou o Sábado ao remate do encontro, dende a Asociación Veciñal informaremos, a través do blogue ou por medio do enderezo electrónico, das vindeiras xuntanzas onde calquera persoa ou entidade poderá facer as súas aportacións.

Agardamos que participedes activamente nunha loita longa e difícil que ten como fin o de transformar a sociedade a través da cultura e o coñecemento.

Moitas gracias,

Xunta Directiva Asociación Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules

aa.vv.montealto@gmail.com