A ASOCIACIÓN DE VECIÑAS E VECIÑOS ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES INICIARÁ UNHA CAMPAÑA PARA A RETIRADA DOS POSTES ABANDONADOS DA LUZ.

COMUNICADO DE PRENSA

A Asociación de Veciñas e Veciños das Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, a través do seguinte comunicado, quere anunciar o inicio dunha campaña para a retirada dos postes de luz abandonados.

A veciñanza do noso barrio está farta da presencia de postes de luz de obra abandonados, algúns dende hai anos, no medio das rúas e beirarrúas. Postes que dificultan ou impiden o paso ás persoas con mobilidade reducida, afean o noso barrio, entorpecen a circulación de vehículos e restan prazas de aparcamentos.

Por este mesmo motivo, anunciamos que empregaremos todos os recursos dos que dispoñemos para a súa total erradicación.

Consideramos que as e os culpábeis desta situación son, en primeiro lugar, as promotoras e construtoras que, unha vez finalizados os edificios ou abandonados, non procederon a súa eliminación. En segundo lugar a Gas Natural – Fenosa por non encargarse de facer un seguimento e retiralos unha vez finalizase o proceso de construción ou se paralizase.

Do mesmo xeito, pensamos que o Goberno Municipal deberá mediar, e mesmo obrigar, tanto ás construtoras como a Gas Natural – Fenosa para que proceda, no menor tempo posíbel, a eliminar todos os postes abandonados ou que sexan un perigo para a nosa veciñanza.

XUNTA DIRECTIVA ASOCIACIÓN VECIÑAS E VECIÑOS

ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

CAMPAÑA SOLARES E EDIFICIOS SEN REMATAR ABANDONADOS: NON MÁIS ABUSOS!

COMUNICADO DE PRENSA

A veciñanza das Atochas e Monte Alto está farta dos abusos das empresas promotoras e construtoras e do desleixo municipal á hora de esixirlles unhas normas de mantemento e saneamento dos solares e dos edificios que, por mor da crise, ficaron a medio construír.

Solares e edificios que, a día de hoxe, son verdadeiros vertedoiros onde as ratas aniñan dunha maneira preocupante e afectan gravemente ao comercio tradicional local, á vida da nosa veciñanza e ao turismo.

Por iso anunciamos o inicio dunha campaña de denuncias co fin de que tanto o Goberno Municipal como as construtoras tomen as medidas oportunas para que o noso barrio sexa un lugar máis seguro e habitábel. Non pararemos até que se cumpran as nosas esixencias.

XUNTA DIRECTIVA ASOCIACIÓN VECIÑAS E VECIÑOS

ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

A AVV ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES REÚNESE CO CONCELLEIRO JUAN DE DIOS RUANO

Comunicado de Prensa

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules informa que, no día de onte, Mércores 1 de Febreiro, foi recibida no Pazo de María Pita polo Concelleiro de Barrio Juan de Dios Ruano.

En dita xuntanza, os representantes da nova directiva, presentáronlle un informe no que se recollen as deficiencias do barrio: transporte público, pavimentación, mobiliario urbano, iluminación e diferentes temas urbanísticos e sociais. O Concelleiro comunicou o seu coñecemento e que xa están a traballar sobre a súa base pero non concretou actuacións nin prazos debido a que están estudando os diferentes casos.

Así mesmo, tratáronse outros temas como o funcionamento das concelleiras e concelleiros de barrio e ambas partes acordaron unha futura reunión que, posibelmente, será na primavera.

XUNTA DIRECTIVA
A.V.V. ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

CAMPO DE MARTE E COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ: MATERIAS PENDENTES

A Coruña, 26 Xaneiro 2012

 

COMUNICADO DE PRENSA

 

CAMPO DE MARTE E COLEXIO CURROS ENRÍQUEZ: MATERIAS PENDENTES

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules, a través do seguinte comunicado, quere denunciar o estado de esquecemento no que se atopa o Campo de Marte e o Colexio Curros Enríquez, situado no mesmo.

Consideramos imprescindíbel unha mellora integral dun dos parques máis emblemáticos do noso barrio. Un parque que carece, a día de hoxe, duns servizos públicos que cumpran unhas normas básicas de hixiene e limpeza, cando son moitas as persoas que fan uso dos mesmos. Un parque que carece dunha boa iluminación impedindo ás nais e pais poder vixiar aos cativos e cativas que xogan no mesmo e un parque que demanda unha reparación urxente dos xogos infantís e unha ampliación dos mesmos.

Do mesmo xeito denunciamos o estado de abandono no que se atopa o Colexio Curros Enríquez, na zona exterior da Avenida de Hércules, que xa está a provocar desprendementos en parte da súa fachada, como aconteceu hai unhas semanas, co conseguinte perigo para a veciñanza que transita dita rúa así como para as cativas e cativos que fan uso do centro.

A Asociación de Veciñas e Veciños Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules esixe ao Goberno Municipal unha resposta ante a demanda dunha veciñanza que, a día de hoxe, non foi escoitada a pesares de ter pedido, a través das instancias oportunas, unha reunión co seu Concelleiro de Barrio Juan de Dios Ruano. Xa notamos que se pasea polo barrio antes das eleccións e logo esquece todo.

ASOCIACIÓN DE VECIÑAS E VECIÑOS

ATOCHAS – MONTE ALTO – TORRE DE HÉRCULES

Foto do desprendemento.

Foto do Servizo Público.

Presentación libro-disco “A Caza Do Ghazafello”

Este non vai ser un paseo para preguiceiros. Vai ter que esforzarse moito o teu tacto, o teu gusto, haberá comida a eito, encherás o teu ouvido con imaxes marabillosas… E sobre todo vai ter que traballar a feito o músculo de pensar, ese sentido que non se ve, que lle chaman imaxinación. Espero que a teñas ben adestrada porque lle imos ofrecer en doses moi altas o alimento que máis a excita: os debuxos, a música e as palabras. (Xurxo Souto)

· Día: Venres 10 Febreiro

· Hora: 18:30

· Lugar: Biblioteca Pública Campo de Marte s/n

Clases De Gaita

 

O vindeiro Venres 3 de Febreiro, ás 18:00 horas, na Biblioteca Pública Campo de Marte (sede da AVV Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules) comezarán as clases de gaita até as 20:00 horas. O prezo son 15 euros por persoa/mes e aínda podedes apuntarvos. Para máis información 981 – 222 635.

Manifesto Traballadoras e Traballadores Torre de Hércules

As traballadoras e traballadores da Torre de Hércules mandan o seguinte manifesto que facemos público:

OS TRABALLADORES DA TORRE SOLICITAMOS A SOLIDARIEDADE E O APOIO DA BOA CIDADANÍA CORUÑESA

• Sabía Vde. que o Concello elaborou unha escura manobra para desfacerse dos 13 traballadores actuais da Torre de Hércules?

• Sabía Vde. que levamos até 16 anos ininterrompidos de impecable servizo no monumento que representa á cidade?

• Sabía Vde. que gozamos do dereito de subrogación polo que durante todos eses anos pasamos por catro empresas concesionarias distintas sen problema?

• Sabía Vde. que a única argucia legal que pode impedir que conservemos o noso posto de traballo é que non exista continuidade entre a empresa concesionaria que sae e a que entra?

• Sabía Vde. que, por iso, a concelleira Cid e o alcalde Negreira alegan unhas obras menores para pechar a Torre e así deixarnos na rúa?

• Sabía Vde. que a Torre de Hércules leva pechada unha semana sen que se iniciase ningunha obra no seu interior?

• Sabía Vde. que, desde que se coñece a noticia, e a pesar das nosas solicitudes e protestas, ninguén do concello falou con nós?

Os 13 traballadores da Torre sentimos paixón polo noso traballo. Esforzámonos arreo para poder presumir do noso “Patrimonio da Humanidade”. Coidamos e ensinamos con cariño o emblema da Coruña tódolos días do ano a centos de miles de coruñeses e visitantes de todo o planeta. E agora, cunha decisión política de escuras motivacións, vémonos na rúa sen dereito ningún.

O ÚNICO QUE QUEREMOS É QUE O CONCELLO RECOÑEZA O NOSO DEREITO DE SUBROGACIÓN.

En Febreiro: Ciclo de Debates – Retomar o Público, Defender o Común.

En Febreiro, o Xoves 9, ás 20:00, Ciclo de Debates baixo o título “Retomar o Público, Defender o Común” na Biblioteca Pública do Campo de Marte (sede A.V.V. Atochas – Monte Alto – Torre de Hércules). A temática será “Dereitos e Vivenda”.

Organizan: Rede Dereitos Sociais, Ergosfera e STOP Desfiuzamentos.

Máis información no cartaz: